A política local, con voz de muller

Como non podía ser doutra maneira, quixemos dedicar un día da nosa campaña ó 52% da poboación. Por elo organizamos un acto co lema “A política local, con voz de muller”, onde quixemos reivindicar o seu protagonismo e o espazo que lles corresponde na sociedade e na política local. E o quixemos facer na praza da Ferrería, espazo que o pasado 8 de marzo xa foi escenario feminista, cunha histórica mobilización. Pois como dixo a compañeira e primeira presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “queremos espazos de convivencia, espazos onde vivir seguras, espazos de igualdade e de respecto á diversidade”.

O acto, protagonizado por mulleres dedicadas en corpo e alma a defender a igualdade, contou coas compañeiras: Carmela Silva; a secretaria xeral da nosa agrupación e subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a senadora Marica Adrio; as parlamentarias María Pierres e Patricia Vilán, e as números dous, catro e seis da nosa candidatura para o próximo 26 de maio, as avogadas Yoya Blanco, Paloma Castro e Ada Otero

Carmela Silva reivindicou que as mulleres teñen dereito “a metade de todo” e sostivo que “a política local é o lugar idóneo para ter voz”, polo que o próximo goberno local debe ter uns orzamentos que garantan a superación de tódalas discriminacións. Pola súa parte a compañeira Maica, coñecedora de moitos problemas da cidadanía pola súa experiencia na Subdelegación do Goberno, chamou a atención sobre a realidade das mulleres maiores de 65 anos, vítimas de violencia de xénero que están empezando a denunciar, despois de “levar unha vida enteira sufrindo maltrato”. Mulleres que non están soas, xa que contan para a súa defensa coas socialistas.

A número dous da candidatura, Yoya Blanco, reclamou a igualdade salarial e resaltou a desigualdade que existe tamén nas pensións e nos contratos de traballo. Pola súa parte, a número catro, Paloma Castro, reivindicou a necesidade dun gran pacto de Estado en materia educativa, que inclúa a educación en igualdade, e que se complemente cunha coeducación no ámbito familiar que desfaga as diferencias e valore de igual maneira a nenas e nenos, xa que é necesario un cambio no modelo cultural e educativo actual, no que todo xira en torno á figura masculina.  

Ada Otero

Especial mención merece Ada Otero, primeira muller trans que se presenta a unhas eleccións en Galicia e un exemplo de valentía e loita pola igualdade, que fixo referencia ós banzos que as mulleres teñen que subir para conseguir os mesmos dereitos que os homes, e que no caso das mulleres trans, é xa necesario todo un equipo de escalada, xa que elas non só loitan polos seus dereitos, senón directamente por sobrevivir, pois a súa esperanza de vida media en España é de 50 anos, cunha porcentaxe de intentos de suicidio do 41%.

O acto se completou coas reivindicativas intervencións de Marica Adrio, que puxo en valor as medidas feministas do Goberno de Pedro Sánchez; Patricia Vilán que reclamou como un dos retos da sociedade do século XXI o fin da división sexual no traballo; e María Pierres, que denunciou que a planificación das nosas cidades foi pensada por homes e para os homes, esquecendo á outra metade da poboación.

Froito do papel igualitario e fundamental que as socialistas teñen no Partido Socialista, o noso programa é claramente feminista, recollendo prioridades como a de conseguir unha cidade feminista e diversa, na que exista unha igualdade real. Con este fin, propoñemos a creación dun centro “Quérote Maís”, dependente do Concello e destinado a dar información e asesoramento social, xurídico e psicolóxico ó colectivo LGTBI. A iso, sumamos a posta en marcha de programa específicos de emprego que faciliten a inclusión laboral das persoas trans, impulsar unha Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, a creación dun Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia (SADI), que se habilite un centro de urxencias para as vítimas de violencia de xénero e darlle un impulso ó Pacto Local pola Conciliación.

Porque Pontevedra é da xente, Pontevedra é das mulleres.

Vídeo igualdade: https://vimeo.com/338045060?fbclid=IwAR0SxNNC4jvx0XH_kZVcaA3pJ0fB9hcXIJntqNPgVUtjMTD9I2pV0CZIaJQ

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *