A vivenda, un problema que precisa solucións

Ó longo desta campaña os socialistas nos centramos máis en facer propostas para os nosos veciños e veciñas e en resolver os seus problemas, achegando solucións, que en criticar a outras forzas sen aportar ideas positivas para a cidade.

O equipo de campaña dando a coñecer as nosas propostas á cidadanía

Destas propostas, as de carácter social sempre están entre as nosas prioridades, xa que forma parte do noso DNI. Nesta liña, unha das nosas proxectos é a posta en marcha dun Programa de Vivendas de Aluguer Social e de Xestión do Parque Inmobiliario, que é un dos eixos das políticas coas que pretendemos contrarrestar os grandes cambios sociais e turísticos que afectaron directamente ó mercado da vivenda libre na nosa cidade. 

Entre os obxetivos do noso partido inclúese o de pechar un convenio coas entidades financieiras e a Sociedad de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), para destinar a aluguer social as vivendas baleiras existentes en Pontevedra.

Os socialistas tamén impulsaremos fórmulas como o «cohousing» e o cooperativismo, de maneira que se poida favorecer coa concesión de terreos municipais a cooperativas que pretendan desenvolver a construción de inmobles en réxime de concorrencia competitiva. 

Outras das medidas que propoñemos en materia de políticas de vivenda, durante o próximo mandato, será a creación dunha ordenanza municipal que regule as condicións de uso dos apartamentos turísticos en Pontevedra. A elaboración desta normativa terá un carácter prioritario e irá precedida dun estudo previo da lexislación fiscal aplicable neste campo.

Pontevedra non pode quedarse sen a final do Mundial Júnior de Balonmán

Tino Fernández, candidato á alcaldía de Pontevedra

Ante a noticia de que Vigo se levará a final e as semifinais do Mundial Júnior de Balonmán os socialistas de Pontevedra agardamos que Lores non quede de brazos cruzados. A decisión tomada polo comité organizador do evento, de celebrar en Vigo os principais partidos deste campionato, parécenos un insulto e está xerando unha grande preocupación e malestar nos afeccionados e clubs da cidade, tendo en conta que está organizado conxuntamente por ámbalas dúas urbes entre os días 16 e 28 de xullo.

Existe un cabreo monumental no mundo do balonmán en Pontevedra ante este capricho da Federación Española de darlle a Vigo a final e as dúas semifinais do Mundial, tendo en conta que a nosa cidade ten un equipo en Asobal e outro en División de Prata, mentres que en Vigo non hai nada. O consideramos unha falta de respecto e unha humillación cara Pontevedra por parte do presidente da Federación de Balonmán.

O señor Lores non pode consentir isto. Ten que tomar cartas neste asunto e facer que Pontevedra teña o trato que merece. A final e unha das semifinais téñense que xogar nesta cidade; o contrario sería un insulto para todos os nosos afeccionados ó balonmán. Consideramos que esta lamentable noticia é unha mostra máis da discriminación que o actual alcalde mantén con determinados deportes e clubs deportivos de Pontevedra. O seu talante muda moitísimo entre cando se trata de organizar un triatlón e cando se trata de balonmán ou de pagarlles ós equipos pontevedreses unhas subvencións que non perciben dende fai máis de dous anos.