Unha Pontevedra xusta que redistribúa a súa riqueza

Tino Fernández con membros da candidatura socialista

A Pontevedra da xente debe ser unha Pontevedra xusta, na que as obrigas tributarias non empeoren a situación das persoas e das unidades familiares que atravesan por dificultades económicas ou carezan dos suficientes recursos. Por elo, os socialistas levaremos a cabo unha redución de ate o 100% na cota tributaria das taxas de auga, lixo e sumidoiros para os pontevedreses que non acaden determinados niveis de renda.

Esta proposta é un dos puntos esenciais do noso programa económico, xa que estas tres taxas esíxense pola prestación de servizos ós que os contribuíntes non poden renunciar, ben porque se trata de servizos de recepción obrigatoria, como a recollida de lixo ou a xestión da rede de sumidoiros, ou ben porque teñen un carácter esencial, como é o caso do abastecemento de auga. Por este motivo o máis xusto e lóxico é que existan tamén certos beneficios fiscais baseados na capacidade económica dos contribuíntes. A redución nas taxas será dun 100% cando os que teñan o seu domicilio habitual nese inmoble teñan rendas demasiado baixas para afrontar este tipo de gastos. Existen familias que están nunha situación económica moi complicada e a Administración municipal ten o deber moral de non afogalas con impostos e taxas.

Por outra banda, promoveremos a rebaixará de até un 90% da cota tributaria do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para as vivendas situadas en asentamentos que carezan dun axeitado nivel de servizos públicos. Con elo, fomentaremos a fixación de poboación no rural pontevedrés e equilibraremos unha situación fiscal que resulta moi inxusta, mentres non se acometan as actuacións precisas para dotar estas áreas das axeitadas infraestruturas e canalizacións.

Os principais beneficiarios desta proposta serán os propietarios de bens inmobles de natureza urbana localizados en zonas do concello que, conforme ó establecido na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (artigo 13 da LOUPMR) e ó planeamento urbanístico municipal vixente, se correspondan con asentamentos de poboación singularizados polo seu vencellamento ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeira ou forestal. Aquelas vivendas que teñan estas características e que dispoñan dun insuficiente nivel de servizos básicos de titularidade municipal (auga, rede de saneamento, alumeado público) gozarán dunha bonificación no pago do IBI.

As bonificacións serán dun 90% naqueles casos nos que exista unha carencia dos tres servizos básicos, dun 60% para as vivendas que non teñan dous dos mesmos e dun 30% no suposto de que só carezan dun servizo. Porque Pontevedra é da xente, de toda a xente.