Manifesto das socialistas en favor da igualdade

Máis de medio centenar de mulleres socialistas, acompañadas tamén por compañeiros, concentrámonos nas escaleiras de San Francisco para transmitir unha mensaxe de apoio ás compañeiras dos colectivos feministas para consolidar o conquistado e colaborar na transformación social que necesita este país en favor das mulleres.

No acto, as compañeiras Margariña Valderrama e Paloma Castro leron un manifesto que reproducimos a continuación:

O pasado 13 de febreiro os grupos máis reaccionarios do parlamento uníronse para botar por terra o proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado presentados polo goberno socialista de Pedro Sánchez. uníronse para botar por terra os orzamentos máis sociais da historia, os máis feministas da historia. As medidas realmente efectivas na erradicación da desigualdade son as que van acompañadas necesariamente dunha partida orzamentaria. Só así se transforma a realidade.

Ademais, ao establecer a obrigatoriedade de que as políticas de gasto vaian acompañadas cunha avaliación do impacto de xénero, o goberno socialista está demostrando que a causa feminista é verdadeiramente un dos alicerces sobre os que se asenta o seu proxecto político.

O Partido Popular, Ciudadanos e Vox, xunto coa cegueira independentista, aborregada pola clase dominante catalá, asestaron un duro golpe á causa feminista, que ve como perigan os avances logrados con anos e anos de loita esforzada. Para a vida, o aquí e agora, de moitas mulleres que padecen violencia de xénero este rexeitamento supón ademais unha traxedia.

O avance imparable do espírito do 8 de marzo espertou a reacción virulenta da caverna machista e patriarcal, á que os partidos de dereita e ultradereita sumáronse insensatamente. Esta reacción é unha proba máis, pero determinante, de que o machismo é unha elección política, unha ideoloxía recoñecible. Este ataque machista, retrógrado, que pretende instaurar valores antidemocráticos de sometemento das mulleres, propios da ditadura franquista, pode supoñer un marco, unha ocasión perigosa para o retroceso de logros históricos alcanzado pola loita das mulleres. ¿Como se pode cuestionar en pleno século XXI, a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo, a Lei de medidas contra a Violencia de Xénero, as compensacións económicas ás vítimas que viron vulnerados os seus dereitos pola súa condición de xénero? Ninguén dubida de que España, grazas á acción dos gobernos socialistas, converteuse nun modelo para o resto do mundo na aplicación de políticas feministas. Non podemos dar nin un paso atrás.

As mulleres socialistas continuaremos loitando xunto ás nosas compañeiras dos colectivos feministas, seguiremos na rúa, con máis forza que nunca este 8 de marzo, para consolidar o conquistado e forzar a transformación social que as mulleres necesitamos.

Son os nosos dereitos os que nos permiten vivir ou aspirar a vivir unha vida máis digna, tan arraigados xa neste país que non nos imaxinamos sequera que alguén nolos poida quitar. Pois ben, debemos tomar conciencia de que o PP e Cidadáns, que non entenderon /comprendido en que consiste a igualdade real entre mulleres e homes, venderannos, someténdose á esixencias deste machismo organizado politicamente, que é Vox. Debemos seguir reivindicando avances, pero sobre todo, hoxe teremos que saír a defender, a apontoar os nosos dereitos.

Por iso facemos un chamamento a todas as mulleres de Pontevedra, para que o 8 de marzo salgamos con máis forza para frear a esta clase reaccionaria que nos quere arrebatar a esperanza nese futuro trazado durante tanto tempo e con tanto esforzo.  E o vindeiro 28 de abril acudamos as furnas para enchelas de votos feministas e progresistas!!!!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *