Unha Pontevedra xusta que redistribúa a súa riqueza

Tino Fernández con membros da candidatura socialista

A Pontevedra da xente debe ser unha Pontevedra xusta, na que as obrigas tributarias non empeoren a situación das persoas e das unidades familiares que atravesan por dificultades económicas ou carezan dos suficientes recursos. Por elo, os socialistas levaremos a cabo unha redución de ate o 100% na cota tributaria das taxas de auga, lixo e sumidoiros para os pontevedreses que non acaden determinados niveis de renda.

Esta proposta é un dos puntos esenciais do noso programa económico, xa que estas tres taxas esíxense pola prestación de servizos ós que os contribuíntes non poden renunciar, ben porque se trata de servizos de recepción obrigatoria, como a recollida de lixo ou a xestión da rede de sumidoiros, ou ben porque teñen un carácter esencial, como é o caso do abastecemento de auga. Por este motivo o máis xusto e lóxico é que existan tamén certos beneficios fiscais baseados na capacidade económica dos contribuíntes. A redución nas taxas será dun 100% cando os que teñan o seu domicilio habitual nese inmoble teñan rendas demasiado baixas para afrontar este tipo de gastos. Existen familias que están nunha situación económica moi complicada e a Administración municipal ten o deber moral de non afogalas con impostos e taxas.

Por outra banda, promoveremos a rebaixará de até un 90% da cota tributaria do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para as vivendas situadas en asentamentos que carezan dun axeitado nivel de servizos públicos. Con elo, fomentaremos a fixación de poboación no rural pontevedrés e equilibraremos unha situación fiscal que resulta moi inxusta, mentres non se acometan as actuacións precisas para dotar estas áreas das axeitadas infraestruturas e canalizacións.

Os principais beneficiarios desta proposta serán os propietarios de bens inmobles de natureza urbana localizados en zonas do concello que, conforme ó establecido na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (artigo 13 da LOUPMR) e ó planeamento urbanístico municipal vixente, se correspondan con asentamentos de poboación singularizados polo seu vencellamento ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeira ou forestal. Aquelas vivendas que teñan estas características e que dispoñan dun insuficiente nivel de servizos básicos de titularidade municipal (auga, rede de saneamento, alumeado público) gozarán dunha bonificación no pago do IBI.

As bonificacións serán dun 90% naqueles casos nos que exista unha carencia dos tres servizos básicos, dun 60% para as vivendas que non teñan dous dos mesmos e dun 30% no suposto de que só carezan dun servizo. Porque Pontevedra é da xente, de toda a xente.

Os socialistas apostamos por unha Pontevedra sen malos fumes

Se recibimos o apoio dos nosos veciños e veciñas, nos próximos catro anos faremos realidade un proxecto de mobilidade que consistirá en xerar un anel ciclista que permita circunvalar o casco urbano en condicións de seguridade polas rúas con máis tráfico e perigo, tales como as avenidas de Vigo e Bos Aires, Uruguay, Corbaceiras, María Vitoria Moreno, 12 de Novembro ou José Malvar.

A proposta da asociación Pedaladas, tamén deseñamos unha malla urbana de carril bici con conexións co campus universitario, co centro da cidade e coa futura estación intermodal. Así como das vías, antes sinaladas, con barrios e parroquias de Mollavao, O Burgo, Monte Porreiro, Estribela, Lérez, Tomeza ou Mourente.

Os tramos de nova creación que se propoñen se traducirán en 16,5 quilómetros de carril bici, o que suporá máis do dobre dos 7,85 quilómetros existentes na actualidade. Non obstante, nas rúas que son de dirección única, que teñen un só carril de circulación e un límite de velocidade de 30 km/h (case todo o centro), as bicicletas poderán circular en sentido contrario ó dos coches. Para facer isto en condicións de seguridade, se ampliará o espazo dispoñible, con solucións como a eliminación de bolardos e o pintado dunha liña específica reservada para a circulación de bicicletas.

No que afecta ás estradas e viais con dobre dirección situadas no entorno do casco urbano, crearase un carril bici, debido a que, por moito que haxa sinais de 30 km/h e lombos, debe garantirse a seguridade dos ciclistas, especialmente en casos nos que se transporta tamén a nenos pequenos.

A rede de carrís bici que deseñamos creará unha arteria esencial que conectará as estacións de trens e autobuses co campus universitario, a través de Alexandre Bóveda, a ponte dos tirantes, a rúa José Malvar e a pasarela da rúa 12 de Novembro. Ó mesmo tempo, en conexión coa malla urbana, realizarase un carril bici que unirá Pontevedra co concello de Marín, e conectaranse os viais de acceso e circunvalación do Hospital Montecelo, como nos solicitou o colectivo Pedaladas. Porque Pontevedra é da xente, da xente que ama o medio ambiente.

Traballando por unha Pontevedra en igualdade

A loita pola igualdade é o valor esencial que diferencia ó PSOE de calquera outro partido. Todas e tódolos socialistas levamos a loita pola igualdade no noso ADN e no noso corazón. Igualdade significa que o Concello de Pontevedra estea do lado daquelas persoas que máis o precisan e que, no marco das súas competencias, garanta unha educación pública de calidade.

Por todo elo, é un honor para nós haber podido desfrutar da presenza en Pontevedra da compañeira Carla Antonelli, este xoves 4 de abril, na Residencia de Estudantes, e que nos relatara a súa experiencia de anos na loita pola igualdade do colectivo LGTBI, e particularmente do colectivo Trans. Como indicou Carla, “no podemos dar un paso atrás ni para tomar impulso”, xa que existe un risco claro de involución, e é importante que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades, aínda que a moitos partidos lles moleste. Pois como dixo tamén a primeira muller presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que nos acompañou no acto, xunto a nosa Secretaria Xeral, Maica Larriba, primeira muller que dirixe a nosa Agrupación, e o Secretario Xeral Provincial, David Regades, “el PSOE siempre ha sido el partido que se identifica coa igualdade”, e o demostrou aprobando a lei de Igualdade ou a do matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Tamén é para nós un honor poder contar con outra das compañeiras que nos acompañou, como non podía ser doutra maneira, neste necesario acto, Ada Otero, a nosa número 6 da lista municipal, que se converte, deste xeito, na primeira muller trans que se presenta a uns comicios municipais en Galicia, o que, como manifestou Carla, é un martelazo máis nos teitos de cristal da desigualdade. Un paso máis que nos permitirá seguir avanzando na consecución de dereitos para tódolos cidadáns; e é unha satisfacción que ese paso se dea na nosa cidade, en Pontevedra.

Ada Otero e Carla Antonelli

Ada, pese a súa mocidade, é unha muller feita é dereita, licenciada en dereito, especialista en violencia de xénero, activista e formadora en grupos de apoio para persoas transxénero e familiares, que, sabedora das necesidades do colectivo LGTBI, non se conformou con iso e, froito da responsabilidade de axudar, decidiu apoiar e traballar na creación da plataforma “Género Diverso” e na representación da Asociación Avante na nosa cidade. Pois como expresou no acto, “a sociedade ten que comezar a aceptar a diversidade e a recibila cos brazos abertos”. Con ese e outros obxectivos traballara xunto ó resto da candidatura, visibilizando e dándolle voz ó colectivo, como xa fixo, xunto á nosa Agrupación, con motivo do Día Internacional da Visibilidade Trans que tivo lugar o 31 de marzo.   

Nesta liña presentamos unha moción onde instamos ó Concello e ás administracións competentes para que se introduzan charlas sobre a sensibilización e liberdade de xénero no protocolo escolar que levará a cabo a asociación Arelas, asociación que traballa e promove a defensa dos dereitos das persoas trans en tódolos ámbitos da vida.

Pero igualdade significa tamén que a xente que vive nos barrios e parroquias dispoña dos mesmos servizos que a que reside no centro da cidade. Os Pontevedreses que viven nos barrios e parroquias demandan un novo PXOM, con núcleos ben definidos e que facilite a edificabilidade. Piden axudas para rehabilitar as súas vivendas e o remate da conexión á rede de saneamento pero, sobre todo, precisan dun transporte público económico e de calidade que cubra as súas necesidades, e non de “rafanetas”. Así nolo manifestaron tamén os cidadáns nas nosas visitas ás parroquias, como no caso de Cerponzóns, onde estivemos este luns falando cos/as nosos/as veciños/as. Porque Pontevedra é de todos e de todas.

Conversas co Club Naval, o Vicerreitor do Campus e homenaxe á compañeira Maruja

Unha das obrigas de calquera persoa que aspire a representar ós seus veciños e veciñas e manter o contacto coa xente e, especialmente cos colectivos e asociacións da cidade. Con este obxectivo, os socialistas vemos tendo nos últimos anos numerosas reunións con asociacións de veciños, culturais, deportivas, etc. Nesta ocasión reunímonos co Presidente do Club Naval de Pontevedra, Carlos Paz, e outros membros da súa directiva.

Tras unha productiva conversación, quedounos claro que a Xunta debe por unha data para o inicio das obras de dragado do canal de navegación do río Lérez, dende as inmediacións de Ence ata o porto deportivo, xa que a situación destas instalacións e insostible e debe resolverse dun xeito perentorio. A acumulación de lodos ha inhabilitado un dos tres pantanales que ten o clube naval e cando baixa a marea os barcos quedan varados. Un dragado que, ademais, debe facerse co máximo respecto a tódolos colectivos implicados e sen máis esperas, pois o PP incumpriu xa tódolos prazos e promesas dende o 2009. Tamén propoñemos a firma dun convenio co Concello como contraprestación polo uso gratuíto destas instalacións, o que suporá rebaixas fiscais para o porto deportivo, como se fai noutras localidades, onde os organismos municipais pagan polos amarres.

Dentro deste obxectivo de poder chegar a tódolos colectivos, mantivemos tamén unha reunión co Vicerreitor do Campus Universitario, Jorge Soto, a quen lle presentamos diversas medidas que os socialistas levamos no noso programa para Pontevedra, tales como:

  • A mellora da red de transporte público, axustada ás necesidades dos alumnos.
  • A dotación dun carril bici que conecte coas estacións de ferrocarril e de autobuses.
  • A creación dun área de ocio e deporte fluvial para nenos no contorno da Illa das Esculturas.

A súa vez, o Vicerreitor manifestounos o seu desexo de que se dote de dous pantalanes e dun espazo de recreo con mesas e bancos para as familias á zona fluvial emprazada na contorna da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Propostas que recollemos, acordando promocionar e visibilizar os proxectos de investigación do campus de Pontevedra.

E que mellor remate de semana que poder rendirlle un merecido homenaxe, con motivo do Día Internacional da Muller, á nosa querida compañeira Maruja Avelina Serafín, polo seu compromiso social. Un acto no que moitos militantes puidemos renderlle todo o cariño que se merece polo seu traballo en beneficio dos demais, como veterana dirixente vecinal e portavoz das reivindicacións dos veciños de Estrigueiras, Fontesanta e Campolongo Sur, conseguindo moitos logros para os barrios. A sus 83 anos, Maruja é para todos nós un referente do feminismo e a loita polos dereitos dos cidadáns de Pontevedra. Por iso, se cabe, aínda estamos máis orgullosos por poder contar coa súa presenza para pechar, xunto ó noso Presidente, Benito Gama, a nosa candidatura para as eleccións municipais.

Pontevedra é da xente, da xente cunha traxectoria vital de compromiso cos demais, dos colectivos que enriquecen a cidade. Pontevedra é da xente que quere avanzar.

Visita e propostas para o barrio do Gorgullón-Eduardo Pondal

Novamente, seguimos a percorrer os barrios da nosa cidade, recollendo as impresións dos nosos veciños e veciñas. Nesta ocasión paseamos polo barrio de Eduardo Pondal e o Gorgullón, onde nos manifestaron o malestar polo desempeño da empresa concesionaria da limpeza, ademáis doutras deficiencias, como a mala iluminación e outros defectos en servizos esenciais. Algo que non se pode permitir nunha zona nova e de crecemento de gran importancia para Pontevedra. Por todo elo, os socialistas, ademáis das moitas indicacións que nos comentaron, presentamos á xente do barrio as nosas propostas:

  • Novos parques infantís e ampliación dos existentes (Ponte Boleira e praza 8 de marzo).
  • Mellora e recollida do lixo en todo o Barrio.
  • Mellora de limpeza viaria.
  • Arranxo das beirarrúas tendo en conta o seu deficiente estado.
  • Substitución do pavimento na praza 8 de Marzo por outro no esvaradío.
  • Aparcamento disuasorio na parcela municipal entre as rúas 12 de novembro e Eduardo Pondal.
  • Axilización dos traballos de urbanización da rúa Gorgullón, que ademais non incluíron no proxecto zonas próximas que podían ser tamén melloradas.
  • Dotar á zona de Parques caninos (parcela lindante co río dos Gafos, rúa camiño de ferro, parque Amalia Álvarez…).
  • Zona de ocio interxeneracional na nova pasarela da rúa 12 de Novembro.
  • Mellora e rediseño do Parque Amalia Álvarez, que pese a ser novo está en situación de abandono, creando unha zona de xogos para os rapaces, e mellora dos espazos públicos da rúa Paxariñal.
  • Execución urxente de beirarrúas e paso de cebra no tramo da nova pasarela na rúa 12 de novembro.
  • Poda regular das árbores da zona.

Porque Pontevedra é da xente, tamén da xente dos barrios, da xente que quere avanzar.

Traballando na defensa das parroquias e dos dereitos

Cos veciños e veciñas de Santa María de Xeve

Seguindo coas visitas ás diferentes parroquias e barrios da nosa cidade para explicar as nosas propostas e recoller opinións dos nosos veciños e veciñas, nos desprazamos, nesta ocasión, a Santa María Xeve, onde puidemos falar en primeira persoa coa xente, que nos manifestou os problemas que seguen a sofrer tras catro anos dun goberno municipal xordo ás necesidades dos veciños.

O candidato Tino Fernández e Marcos Rey, acompañados por membros da Executiva Local, explicaron como ó longo deste mandato, as Parroquias víronse relegadas a xogar un papel secundario mentres se atendía únicamente o centro da cidade e se cronificaban as carencias do rural, xerando, entre outras cousas, unha diminución da súa poboación. Para evitar isto e mellorar a situación das parroquias, os socialistas propusemos medidas como:

Marcos Rey e Tino Fernández facendo propostas
  • Un Plan Estratéxico de Servizos que destine un mínimo do 10% do orzamento de inversions (1,3 millons de euros) a mellorar e adecuar os servizos do rural: Transporte Publico, limpeza, telefonía e redes, seguridade vial, actividades socio-culturais, servizos de proximidade, etc.
  • Bonificacións fiscais, que, en tanto no se proceda a dotación de servizo de Saneamento, se reducirá nun 30% o recibo do IBI para aquelas vivendas que non conten con conexión ao alcantarillado.
  • Un Plan de infraestruturas consensuado cos veciños e veciñas.
  • Un novo PXOM que recolla as aspiracións do Rural, definindo os Núcleos e facilitando a súa edificabilidade.

Entre outras moitas medidas que se foron desgranando e que despertaron o interese dos asistentes.

A esta visita sumouse, no noso interese por recoller as necesidades de tódolos cidadáns de Pontevedra, á reunión que mantivemos ca Asociación de Familias de Menores Trans «Arelas», xa que a loita das persoas transexuais é a loita polo dereito a decidir a identidade propia e, polo tanto, está no ADN dos socialistas apoiar as reivindicacións do colectivo; e máis nun contexto no que a ultradereita quere acabar co dereito das persoas a decidir a súa sexualidade e a súa identidade. Por elo, instamos á Xunta de Galicia a que as charlas de sensibilización promovidas por «Arelas» se inclúan de maneira obrigatoria no protocolo autonómico sobre discriminiación e liberdade de xénero.

Tino Fernández e membros da Executiva Local con representantes de «Arelas»

E ainda tivemos tempo de propor que se cree un parque para prácticar calistenia e «Street-workout» (un sistema de entrenamiento no que os exercizos se fan utilizando o equilibrio ou o propio peso corporal e que converte áreas o aire libre en improvisados ximnasios) en Pontevedra. Unha demanda que se pon de manifesto no feito de que Vigo xa conta con dous espazos deste tipo.


Campolongo, o noso paraiso esquecido

Unha vez máis visitamos un dos pulmóns vitais de Pontevedra, o barrio de Campolongo, onde, ademais de recoller as inquietudes dos veciños e veciñas, trasladámoslles a proposta dos socialista para o barrio, consistente nun Plan integral que permita saldar unha débeda histórica co mesmo.

Dentro dese plan, un dos proxectos prioritarios dos socialistas para o barrio, que ven a cumprir unha reivindicación que pese ós anos que se leva reclamando e prometendo, sempre acabou en papel mollado, é o de descubrir o tramo oculto do río dos Gafos que discorre entre o Parque da Constitución e a rúa Iglesias Vilarelle. Un proxecto realista e factible que recuperará un río que leva dende a década dos 70 privado de luz e osíxeno. É hora de poñer enriba da mesa un proxecto de carácter progresivo, serio e con avais, fronte a propostas faraónicas e imposibles de executar.

Unha actuación en fases que comezaría polo Paseo de Valle-Inclán, onde apenas hai problemas de carácter técnico, ó tratarse dun espazo de parque sen tráfico de vehículos. Posteriormente, iríase destapando noutras áreas, sempre que os veciños o consideran oportuno, dende Alcalde Hevia ata a altura do complexo deportivo. Para a execución desta obra contaríase coa implicación da Administración central.

Este plan integral para Campolongo tamén contempla outras actuacións:

  • Integrar o Parque da Seta na Praza da Constitución, cunha peatonalización branda da rúa Iglesias Vilarelle, pintándoa dunha cor diferente e dando preferencia ás persoas sobre os coches, restrinxindo o paso para aqueles que non sexan residentes.
  • Mellorar o sistema de canalización de augas pluviais no Parque da Constitución, co obxectivo de finalizar cos enormes charcos e inundacións que se producen cada vez que chove un pouco.
  • Actuación inmediata sobre algunhas parcelas privadas entre as rúas Alcalde Hevia e María Victoria Moreno, que se converteron en verdadeiros vertedoiros infestados de lixo, bolsas de plástico e ratas, o que fará necesario tamén levar a cabo campañas periódicas de desratización, coa intención de atallar o problema da proliferación de roedores que se dan na contorna do río.
  • A mellora da limpeza e da recollida de lixo no barrio e a substitución de contedores en mal estado.
  • O cambio dos bancos situados no paseo dos Gafos por outros mais ergonómicos e a adecuada poda das árbores da Avenida Augusto García Sánchez.
  • A mellora do alumeado do novo parque infantil de Campolongo, para evitar actos vandálicos polas noites e a limpeza da escultura da Praza da Constitución.
  • O control dos veladores que invaden as zonas de paso peonil e a colocación de pivotes nas rúas Manuel Leiras Pulpeiro e San Pedro de Alcántara.

Todo elo para facer unha cidade na que os veciños e veciñas dos barrios tamén estean orgullosos de ser pontevedreses. Porque Pontevedra tamén é da xente dos barrios, da xente que quere prosperar.

Manifesto das socialistas en favor da igualdade

Máis de medio centenar de mulleres socialistas, acompañadas tamén por compañeiros, concentrámonos nas escaleiras de San Francisco para transmitir unha mensaxe de apoio ás compañeiras dos colectivos feministas para consolidar o conquistado e colaborar na transformación social que necesita este país en favor das mulleres.

No acto, as compañeiras Margariña Valderrama e Paloma Castro leron un manifesto que reproducimos a continuación:

O pasado 13 de febreiro os grupos máis reaccionarios do parlamento uníronse para botar por terra o proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado presentados polo goberno socialista de Pedro Sánchez. uníronse para botar por terra os orzamentos máis sociais da historia, os máis feministas da historia. As medidas realmente efectivas na erradicación da desigualdade son as que van acompañadas necesariamente dunha partida orzamentaria. Só así se transforma a realidade.

Ademais, ao establecer a obrigatoriedade de que as políticas de gasto vaian acompañadas cunha avaliación do impacto de xénero, o goberno socialista está demostrando que a causa feminista é verdadeiramente un dos alicerces sobre os que se asenta o seu proxecto político.

O Partido Popular, Ciudadanos e Vox, xunto coa cegueira independentista, aborregada pola clase dominante catalá, asestaron un duro golpe á causa feminista, que ve como perigan os avances logrados con anos e anos de loita esforzada. Para a vida, o aquí e agora, de moitas mulleres que padecen violencia de xénero este rexeitamento supón ademais unha traxedia.

O avance imparable do espírito do 8 de marzo espertou a reacción virulenta da caverna machista e patriarcal, á que os partidos de dereita e ultradereita sumáronse insensatamente. Esta reacción é unha proba máis, pero determinante, de que o machismo é unha elección política, unha ideoloxía recoñecible. Este ataque machista, retrógrado, que pretende instaurar valores antidemocráticos de sometemento das mulleres, propios da ditadura franquista, pode supoñer un marco, unha ocasión perigosa para o retroceso de logros históricos alcanzado pola loita das mulleres. ¿Como se pode cuestionar en pleno século XXI, a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo, a Lei de medidas contra a Violencia de Xénero, as compensacións económicas ás vítimas que viron vulnerados os seus dereitos pola súa condición de xénero? Ninguén dubida de que España, grazas á acción dos gobernos socialistas, converteuse nun modelo para o resto do mundo na aplicación de políticas feministas. Non podemos dar nin un paso atrás.

As mulleres socialistas continuaremos loitando xunto ás nosas compañeiras dos colectivos feministas, seguiremos na rúa, con máis forza que nunca este 8 de marzo, para consolidar o conquistado e forzar a transformación social que as mulleres necesitamos.

Son os nosos dereitos os que nos permiten vivir ou aspirar a vivir unha vida máis digna, tan arraigados xa neste país que non nos imaxinamos sequera que alguén nolos poida quitar. Pois ben, debemos tomar conciencia de que o PP e Cidadáns, que non entenderon /comprendido en que consiste a igualdade real entre mulleres e homes, venderannos, someténdose á esixencias deste machismo organizado politicamente, que é Vox. Debemos seguir reivindicando avances, pero sobre todo, hoxe teremos que saír a defender, a apontoar os nosos dereitos.

Por iso facemos un chamamento a todas as mulleres de Pontevedra, para que o 8 de marzo salgamos con máis forza para frear a esta clase reaccionaria que nos quere arrebatar a esperanza nese futuro trazado durante tanto tempo e con tanto esforzo.  E o vindeiro 28 de abril acudamos as furnas para enchelas de votos feministas e progresistas!!!!

Pontevedra tamén é da xente das parroquias

As parroquias son para os socialistas un territorio, unha veciñanza que merece tanto respecto e atención como o resto do concello, dende o centro urbano ata os barrios; por iso, seguimos a percorrer as parroquias de Pontevedra falando cos veciños para coñecer as súas necesidades e problemas, para poder ofrecerlle, no noso programa para as próximas eleccións, solucións reais que contribúan a crear unha Pontevedra mellor, na que tod@s se sintan representados e apoiados.

Con ese motivo, visitamos, nesta ocasión, a parroquia de Verducido, da man de Marcos Rey, Presidente da Asociación de veciños e da Comunidade de Montes da parroquia, que formará parte da nosa candidatura para as próximas eleccións municipais, nunha mostra máis do que nos importa coñecer de primeira man os problemas do rural, contando coa xente que máis se preocupa polos seus veciñ@s.

A visita serviu para intercambiar pareceres, escoitando e dando a coñecer ós nosos veciños e veciñas algunhas das nosas propostas para as parroquias, tales como:

– Un novo PXOM, con núcleos definidos, que facilite a edificabilidade e evite o despoboamento do noso rural.

– Axudas para renovar e rehabilitar vivendas, favorecendo o afianzamento de poboación.

– Rematar os saneamentos pendentes e tan necesarios para mellorar a vida nas parroquias.

– Un plan de melloras viais: asfaltado, arcéns, limpeza de cunetas, etc.

– Unha ordenación específica de convivenza, na que se incluirá medidas como a limpeza de fincas.

– O desenvolvemento de ecoespazos.

– Unha Marca verde para cultivos de hortas e veigas.

– A creación dun viveiro de empresas, para a comercialización de produtos agrícolas.

– Un Plan estratéxico de servicios, tales como: transporte público, telefonía e redes, seguridade viaria, actividades socioculturais, servizo de proximidade, etc.

– Bonificacións fiscais, como unha redución do 30% do IBI para casas sen conexión e saneamento.

E outras moitas propostas ás que iremos sumando ás dos veciñ@s das parroquias.

Porque Pontevedra é da xente, da xente das parroquias, da xente que quere avanzar.