Pontevedra non pode quedarse sen a final do Mundial Júnior de Balonmán

Tino Fernández, candidato á alcaldía de Pontevedra

Ante a noticia de que Vigo se levará a final e as semifinais do Mundial Júnior de Balonmán os socialistas de Pontevedra agardamos que Lores non quede de brazos cruzados. A decisión tomada polo comité organizador do evento, de celebrar en Vigo os principais partidos deste campionato, parécenos un insulto e está xerando unha grande preocupación e malestar nos afeccionados e clubs da cidade, tendo en conta que está organizado conxuntamente por ámbalas dúas urbes entre os días 16 e 28 de xullo.

Existe un cabreo monumental no mundo do balonmán en Pontevedra ante este capricho da Federación Española de darlle a Vigo a final e as dúas semifinais do Mundial, tendo en conta que a nosa cidade ten un equipo en Asobal e outro en División de Prata, mentres que en Vigo non hai nada. O consideramos unha falta de respecto e unha humillación cara Pontevedra por parte do presidente da Federación de Balonmán.

O señor Lores non pode consentir isto. Ten que tomar cartas neste asunto e facer que Pontevedra teña o trato que merece. A final e unha das semifinais téñense que xogar nesta cidade; o contrario sería un insulto para todos os nosos afeccionados ó balonmán. Consideramos que esta lamentable noticia é unha mostra máis da discriminación que o actual alcalde mantén con determinados deportes e clubs deportivos de Pontevedra. O seu talante muda moitísimo entre cando se trata de organizar un triatlón e cando se trata de balonmán ou de pagarlles ós equipos pontevedreses unhas subvencións que non perciben dende fai máis de dous anos.