Os socialistas apostamos por un modelo urbano que chegue ós barrios. Un novo deseño de cidade con ‘supermazás’ que empezaremos na zona Este

Tino Fernández acompañado de membros da súa candidatura

Os socialistas de Pontevedra consideramos que o actual modelo urbano, consolidado nos últimos anos en Pontevedra en base á peonalización, está esgotado, unha vez que se peonalizou a práctica totalidade do casco histórico. É hora de apostar por un novo modelo que permita continuar o crecemento ordenado de Pontevedra e manter o seu nome como referente de mobilidade. A nosa aposta pasa pola creación de “Supermazás” nos barrios situados máis alá do anel central da cidade e da pasarela da rúa 12 de Novembro.

Os últimos estertores do modelo peonil no centro tan só terían sentido en rúas como Benito Corbal, e iso só en caso de que algún día se atopase unha solución para a entrada e saída ó aparcamento de Barcelos, e pode que nalgún outro pequeno vial localizado entre a pasarela do tren e a zona monumental. Por elo, xa é hora de dirixir os esforzos cara outras zonas da cidade con posibilidades e futuro que foron esquecidas ata o de agora. Barrios que vimos visitando ó longo desta lexislatura e especialmente estes días, para presentar a nosa candidatura e as nosas propostas, tales como a zona Este da cidade, onde queremos plasmar moitos dos nosos proxectos.

A única maneira de levar ós barrios o modelo de cidade amable e sostible e de xerar «espazos de ocio seguros» no seno dos mesmos pasa polo deseño de “supermazás”, ó estilo dos proxectos urbanísticos levados a cabo en Vitoria (referente deste modelo) e Barcelona. Modelos que Madrid e New York están tamén comezando a aplicar.

A idea xurdiu, como tantas outras, das moitas reunións que se levaron a cabo con tódalas asociacións e movementos veciñais de Pontevedra, pois esa é a tarefa de calquera partido que pretenda administrar a súa cidade, a de escoitar ós seus veciños e veciñas e estudar as súas propostas. O noso proxecto é o da cidade, o da xente. Neste caso, colaborou moito o colectivo Pedaladas, que propuxo unha zona concreta para levar a cabo este proxecto: a comprendida entre as urbanizacións de Valdecorvos, O Castañal e o último tramo de Loureiro Crespo.

Como tivo ocasión de explicar xa publicamente o noso concelleiro, Iván Puentes, o proxecto consistiría en delimitar «un gran barrio» entre a pasarela do tren e a Avenida de Juan Carlos I, no que haxa algunhas vías secundarias que se peonalicen e outras de plataforma única, nas que o resto do espazo teña un tráfico restrinxido a peóns, bicicletas e vehículos de residente. A creación desta primeira ‘supermanzá’ levaría aparellado o establecemento dunha gran praza pública na rúa Loureiro Crespo (cortaríase ó tráfico o tramo comprendido entre Mestre Soutullo e 12 de Novembro) e a construción dunha rotonda na Avenida de Lugo (fronte a gasolineira de Cepsa). O acceso a esta área de tránsito restrinxido ou “illa” faríase a través da rúa Ángel Amor Ruibal e a saída pola rúa Rodríguez Seoane. Porque Pontevedra é da xente, tamén da xente dos barrios.

Pontevedra-Este, un barrio con futuro

Tino Fernández e membros da candidatura en Pontevedra-Este

Dende fai catro anos os socialistas vimos percorrendo tódolos barrios e parroquias, falando coas asociacións, cos veciños, e coas asociacións veciñais, o que nos permitiu presentar numerosas propostas no concello; moitas das cales saíron adiante, atendendo as necesidades dos cidadáns. Froito destas visitas, ademais das grandes liñas de actuación presentadas no noso programa, temos tamén propostas concretas para cada barrio e parroquia. Pontevedra non é só o seu casco vello, e moitas zonas da nosa cidade atópanse abandonadas e pouco atendidas polo actual goberno municipal, como é o caso de Pontevedra-Este. Un barrio cheo de xente moza, vivo, que precisa un impulso e para o cal a candidatura do PSdeG-PSOE ten, entre outras, as seguintes propostas a levar a cabo:

  • Mellora da limpeza viaria.
  • Mellora e humanización de viais (Conde Bugallal; Camposanto; Pintor Laxeiro; Porta Grande; As Pereiras…).
  • Parque biosaudable no entorno da rúa Pintor Laxeiro.
  • Ampliación da rede de Parques infantís e mellora do mantemento dos actuais.
  • Solucións para os problemas da Praza Fermín Bouza Brey.
  • Mellora da sinalización horizontal e vertical.
  • Posta en valor da Finda do Conde.
  • Camiño escolar ó CEIP Vilaverde.
  • Mellora da iluminación. Ampliación a todo o barrio da iluminación das festas.
  • Campañas periódicas de desratización.
  • Ampliación e remodelación das zonas de aparcamento.
  • Maior presenza policial.
  • Execución de zona de lecer sobre a Pasarela da rúa 12 de novembro.
  • Desenvolvemento do proxecto do futuro centro lúdico-deportivo da Parda.

Melloras encamiñadas a xerar un novo modelo de cidade, na que ningún veciño se poida sentir desprazado e os barrios recuperen a súa vida e se dinamicen. Porque se de algo sabemos os socialistas, como exemplifican moitas cidades gobernadas polo PSOE, é de xestión municipal. Porque Pontevedra é da xente, da xente de Pontevedra-Este, un barrio con moito futuro, que debe ser un foco de crecemento e un exemplo da cidade que queremos. Porque xa é hora dun goberno socialista en Pontevedra. Faino posible.