A política local, con voz de muller

Como non podía ser doutra maneira, quixemos dedicar un día da nosa campaña ó 52% da poboación. Por elo organizamos un acto co lema “A política local, con voz de muller”, onde quixemos reivindicar o seu protagonismo e o espazo que lles corresponde na sociedade e na política local. E o quixemos facer na praza da Ferrería, espazo que o pasado 8 de marzo xa foi escenario feminista, cunha histórica mobilización. Pois como dixo a compañeira e primeira presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “queremos espazos de convivencia, espazos onde vivir seguras, espazos de igualdade e de respecto á diversidade”.

O acto, protagonizado por mulleres dedicadas en corpo e alma a defender a igualdade, contou coas compañeiras: Carmela Silva; a secretaria xeral da nosa agrupación e subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a senadora Marica Adrio; as parlamentarias María Pierres e Patricia Vilán, e as números dous, catro e seis da nosa candidatura para o próximo 26 de maio, as avogadas Yoya Blanco, Paloma Castro e Ada Otero

Carmela Silva reivindicou que as mulleres teñen dereito “a metade de todo” e sostivo que “a política local é o lugar idóneo para ter voz”, polo que o próximo goberno local debe ter uns orzamentos que garantan a superación de tódalas discriminacións. Pola súa parte a compañeira Maica, coñecedora de moitos problemas da cidadanía pola súa experiencia na Subdelegación do Goberno, chamou a atención sobre a realidade das mulleres maiores de 65 anos, vítimas de violencia de xénero que están empezando a denunciar, despois de “levar unha vida enteira sufrindo maltrato”. Mulleres que non están soas, xa que contan para a súa defensa coas socialistas.

A número dous da candidatura, Yoya Blanco, reclamou a igualdade salarial e resaltou a desigualdade que existe tamén nas pensións e nos contratos de traballo. Pola súa parte, a número catro, Paloma Castro, reivindicou a necesidade dun gran pacto de Estado en materia educativa, que inclúa a educación en igualdade, e que se complemente cunha coeducación no ámbito familiar que desfaga as diferencias e valore de igual maneira a nenas e nenos, xa que é necesario un cambio no modelo cultural e educativo actual, no que todo xira en torno á figura masculina.  

Ada Otero

Especial mención merece Ada Otero, primeira muller trans que se presenta a unhas eleccións en Galicia e un exemplo de valentía e loita pola igualdade, que fixo referencia ós banzos que as mulleres teñen que subir para conseguir os mesmos dereitos que os homes, e que no caso das mulleres trans, é xa necesario todo un equipo de escalada, xa que elas non só loitan polos seus dereitos, senón directamente por sobrevivir, pois a súa esperanza de vida media en España é de 50 anos, cunha porcentaxe de intentos de suicidio do 41%.

O acto se completou coas reivindicativas intervencións de Marica Adrio, que puxo en valor as medidas feministas do Goberno de Pedro Sánchez; Patricia Vilán que reclamou como un dos retos da sociedade do século XXI o fin da división sexual no traballo; e María Pierres, que denunciou que a planificación das nosas cidades foi pensada por homes e para os homes, esquecendo á outra metade da poboación.

Froito do papel igualitario e fundamental que as socialistas teñen no Partido Socialista, o noso programa é claramente feminista, recollendo prioridades como a de conseguir unha cidade feminista e diversa, na que exista unha igualdade real. Con este fin, propoñemos a creación dun centro “Quérote Maís”, dependente do Concello e destinado a dar información e asesoramento social, xurídico e psicolóxico ó colectivo LGTBI. A iso, sumamos a posta en marcha de programa específicos de emprego que faciliten a inclusión laboral das persoas trans, impulsar unha Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, a creación dun Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia (SADI), que se habilite un centro de urxencias para as vítimas de violencia de xénero e darlle un impulso ó Pacto Local pola Conciliación.

Porque Pontevedra é da xente, Pontevedra é das mulleres.

Vídeo igualdade: https://vimeo.com/338045060?fbclid=IwAR0SxNNC4jvx0XH_kZVcaA3pJ0fB9hcXIJntqNPgVUtjMTD9I2pV0CZIaJQ

A vivenda, un problema que precisa solucións

Ó longo desta campaña os socialistas nos centramos máis en facer propostas para os nosos veciños e veciñas e en resolver os seus problemas, achegando solucións, que en criticar a outras forzas sen aportar ideas positivas para a cidade.

O equipo de campaña dando a coñecer as nosas propostas á cidadanía

Destas propostas, as de carácter social sempre están entre as nosas prioridades, xa que forma parte do noso DNI. Nesta liña, unha das nosas proxectos é a posta en marcha dun Programa de Vivendas de Aluguer Social e de Xestión do Parque Inmobiliario, que é un dos eixos das políticas coas que pretendemos contrarrestar os grandes cambios sociais e turísticos que afectaron directamente ó mercado da vivenda libre na nosa cidade. 

Entre os obxetivos do noso partido inclúese o de pechar un convenio coas entidades financieiras e a Sociedad de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), para destinar a aluguer social as vivendas baleiras existentes en Pontevedra.

Os socialistas tamén impulsaremos fórmulas como o «cohousing» e o cooperativismo, de maneira que se poida favorecer coa concesión de terreos municipais a cooperativas que pretendan desenvolver a construción de inmobles en réxime de concorrencia competitiva. 

Outras das medidas que propoñemos en materia de políticas de vivenda, durante o próximo mandato, será a creación dunha ordenanza municipal que regule as condicións de uso dos apartamentos turísticos en Pontevedra. A elaboración desta normativa terá un carácter prioritario e irá precedida dun estudo previo da lexislación fiscal aplicable neste campo.

Pontevedra non pode quedarse sen a final do Mundial Júnior de Balonmán

Tino Fernández, candidato á alcaldía de Pontevedra

Ante a noticia de que Vigo se levará a final e as semifinais do Mundial Júnior de Balonmán os socialistas de Pontevedra agardamos que Lores non quede de brazos cruzados. A decisión tomada polo comité organizador do evento, de celebrar en Vigo os principais partidos deste campionato, parécenos un insulto e está xerando unha grande preocupación e malestar nos afeccionados e clubs da cidade, tendo en conta que está organizado conxuntamente por ámbalas dúas urbes entre os días 16 e 28 de xullo.

Existe un cabreo monumental no mundo do balonmán en Pontevedra ante este capricho da Federación Española de darlle a Vigo a final e as dúas semifinais do Mundial, tendo en conta que a nosa cidade ten un equipo en Asobal e outro en División de Prata, mentres que en Vigo non hai nada. O consideramos unha falta de respecto e unha humillación cara Pontevedra por parte do presidente da Federación de Balonmán.

O señor Lores non pode consentir isto. Ten que tomar cartas neste asunto e facer que Pontevedra teña o trato que merece. A final e unha das semifinais téñense que xogar nesta cidade; o contrario sería un insulto para todos os nosos afeccionados ó balonmán. Consideramos que esta lamentable noticia é unha mostra máis da discriminación que o actual alcalde mantén con determinados deportes e clubs deportivos de Pontevedra. O seu talante muda moitísimo entre cando se trata de organizar un triatlón e cando se trata de balonmán ou de pagarlles ós equipos pontevedreses unhas subvencións que non perciben dende fai máis de dous anos.

Pontevedra precisa un Plan contra Incendios

Dende a Agrupación Municipal do PSOE en Pontevedra pretendemos elaborar un Plan contra Incendios que inclúa un protocolo de emerxencias e a creación de vías de escape nos montes, imitando o exemplo de Vigo e establecendo unha colaboración máis directa, tanto a nivel técnico como económico, coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra, como ha sinalado Marcos Rey, presidente dos comuneiros de Verducido e número cinco da nosa candidatura municipal. É preciso que o Concello se implique moito máis neste eido e recoñeza a enorme labor social dos montes periurbanos do municipio.

Os plans de ordenación dos montes en man común deben contar coa axuda da Administración local, mesmo cunha asesoría dos servizos técnicos municipais. No vindeiro mandato, o PSOE vai contribuír economicamente á actividade da Mancomunidade de Montes, tal e como sucede xa en Vigo. Ademais, é preciso que se axilicen as tramitacións das subvencións autonómicas, xa que é inasumible que unhas axudas para a xestión e a roza do monte cheguen en pleno verano.

Os socialistas entendemos que é unha necesidade de primeiro orde deseñar unha acción planificada que preveña catástrofes como a acontecida nos nosos montes en 2007. Entre as medidas previstas inclúense a obriga de manter a distancia de seguridade de 50 metros en relación ás vivendas que establece a lexislación; a plantación de máis especies autóctonas (bosques de frondosas como as carballeiras por exemplo) e a xeración de cortafogos vexetais. Consideramos imprescindible desenvolver un Plan de Prevención e Autoprotección contra os Incendios Forestais bastante máis amplo e integral do que os nacionalistas lles presentaron ós comuneiros. O plan que eles fixeron adoece de bastantes elementos. Unha cousa é contar cunha franxa de seguridade e outra moi distinta cun Plan de Prevención como o que nós queremos facer, que implicaría ter os puntos de auga sinalizados, un protocolo de emerxencias, a creación de zonas que permiten escapar do fogo, etc. Para a elaboración deste Plan contaremos, ademais, co asesoramento de colectivos como a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga), impulsando tamén un proxecto semellante ó levado a cabo no seu día a través do plan Monte Vivo, coa finalidade de acadar un modelo de xestión autosostible.