A política local, con voz de muller

Como non podía ser doutra maneira, quixemos dedicar un día da nosa campaña ó 52% da poboación. Por elo organizamos un acto co lema “A política local, con voz de muller”, onde quixemos reivindicar o seu protagonismo e o espazo que lles corresponde na sociedade e na política local. E o quixemos facer na praza da Ferrería, espazo que o pasado 8 de marzo xa foi escenario feminista, cunha histórica mobilización. Pois como dixo a compañeira e primeira presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “queremos espazos de convivencia, espazos onde vivir seguras, espazos de igualdade e de respecto á diversidade”.

O acto, protagonizado por mulleres dedicadas en corpo e alma a defender a igualdade, contou coas compañeiras: Carmela Silva; a secretaria xeral da nosa agrupación e subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a senadora Marica Adrio; as parlamentarias María Pierres e Patricia Vilán, e as números dous, catro e seis da nosa candidatura para o próximo 26 de maio, as avogadas Yoya Blanco, Paloma Castro e Ada Otero

Carmela Silva reivindicou que as mulleres teñen dereito “a metade de todo” e sostivo que “a política local é o lugar idóneo para ter voz”, polo que o próximo goberno local debe ter uns orzamentos que garantan a superación de tódalas discriminacións. Pola súa parte a compañeira Maica, coñecedora de moitos problemas da cidadanía pola súa experiencia na Subdelegación do Goberno, chamou a atención sobre a realidade das mulleres maiores de 65 anos, vítimas de violencia de xénero que están empezando a denunciar, despois de “levar unha vida enteira sufrindo maltrato”. Mulleres que non están soas, xa que contan para a súa defensa coas socialistas.

A número dous da candidatura, Yoya Blanco, reclamou a igualdade salarial e resaltou a desigualdade que existe tamén nas pensións e nos contratos de traballo. Pola súa parte, a número catro, Paloma Castro, reivindicou a necesidade dun gran pacto de Estado en materia educativa, que inclúa a educación en igualdade, e que se complemente cunha coeducación no ámbito familiar que desfaga as diferencias e valore de igual maneira a nenas e nenos, xa que é necesario un cambio no modelo cultural e educativo actual, no que todo xira en torno á figura masculina.  

Ada Otero

Especial mención merece Ada Otero, primeira muller trans que se presenta a unhas eleccións en Galicia e un exemplo de valentía e loita pola igualdade, que fixo referencia ós banzos que as mulleres teñen que subir para conseguir os mesmos dereitos que os homes, e que no caso das mulleres trans, é xa necesario todo un equipo de escalada, xa que elas non só loitan polos seus dereitos, senón directamente por sobrevivir, pois a súa esperanza de vida media en España é de 50 anos, cunha porcentaxe de intentos de suicidio do 41%.

O acto se completou coas reivindicativas intervencións de Marica Adrio, que puxo en valor as medidas feministas do Goberno de Pedro Sánchez; Patricia Vilán que reclamou como un dos retos da sociedade do século XXI o fin da división sexual no traballo; e María Pierres, que denunciou que a planificación das nosas cidades foi pensada por homes e para os homes, esquecendo á outra metade da poboación.

Froito do papel igualitario e fundamental que as socialistas teñen no Partido Socialista, o noso programa é claramente feminista, recollendo prioridades como a de conseguir unha cidade feminista e diversa, na que exista unha igualdade real. Con este fin, propoñemos a creación dun centro “Quérote Maís”, dependente do Concello e destinado a dar información e asesoramento social, xurídico e psicolóxico ó colectivo LGTBI. A iso, sumamos a posta en marcha de programa específicos de emprego que faciliten a inclusión laboral das persoas trans, impulsar unha Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, a creación dun Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia (SADI), que se habilite un centro de urxencias para as vítimas de violencia de xénero e darlle un impulso ó Pacto Local pola Conciliación.

Porque Pontevedra é da xente, Pontevedra é das mulleres.

Vídeo igualdade: https://vimeo.com/338045060?fbclid=IwAR0SxNNC4jvx0XH_kZVcaA3pJ0fB9hcXIJntqNPgVUtjMTD9I2pV0CZIaJQ

A vivenda, un problema que precisa solucións

Ó longo desta campaña os socialistas nos centramos máis en facer propostas para os nosos veciños e veciñas e en resolver os seus problemas, achegando solucións, que en criticar a outras forzas sen aportar ideas positivas para a cidade.

O equipo de campaña dando a coñecer as nosas propostas á cidadanía

Destas propostas, as de carácter social sempre están entre as nosas prioridades, xa que forma parte do noso DNI. Nesta liña, unha das nosas proxectos é a posta en marcha dun Programa de Vivendas de Aluguer Social e de Xestión do Parque Inmobiliario, que é un dos eixos das políticas coas que pretendemos contrarrestar os grandes cambios sociais e turísticos que afectaron directamente ó mercado da vivenda libre na nosa cidade. 

Entre os obxetivos do noso partido inclúese o de pechar un convenio coas entidades financieiras e a Sociedad de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), para destinar a aluguer social as vivendas baleiras existentes en Pontevedra.

Os socialistas tamén impulsaremos fórmulas como o «cohousing» e o cooperativismo, de maneira que se poida favorecer coa concesión de terreos municipais a cooperativas que pretendan desenvolver a construción de inmobles en réxime de concorrencia competitiva. 

Outras das medidas que propoñemos en materia de políticas de vivenda, durante o próximo mandato, será a creación dunha ordenanza municipal que regule as condicións de uso dos apartamentos turísticos en Pontevedra. A elaboración desta normativa terá un carácter prioritario e irá precedida dun estudo previo da lexislación fiscal aplicable neste campo.

Presentamos o noso vídeo de campaña

Hoxe, na casa do pobo, presentamos o vídeo que mostra a nosa candidatura ó concello de Pontevedra. Na mesma, estivemos presentes o candidato á Alcaldía, Tino Fernández; o xefe de campaña, Pedro Vila; e o autor do mesmo, Víctor Moreno, que non só realizou un estupendo traballo, senón que logrou condensar en poucos minutos toda a esencia do que representa a ilusión e as propostas que esta candidatura ten para unha cidade á que aman.

Víctor Moreno, Tino Fernández e Pedro Vila

É unha gravación seria e respectuosa cos votantes, xa que os pontevedreses precisan ser tratados con máis respecto que cun cómic ou cun vídeo de xente cantando polas rúas. É tamén un traballo que reflicte a vocación feminista, integradora e diversa que ten o Partido Socialista, defendendo sempre os intereses de tódolos colectivos e das minorías. Como recoñeceu o director, Víctor Moreno, no vídeo, que ten «un carácter moi dinámico», son os propios candidatos da lista os que presentan as diversas propostas, «dun xeito moi sinceiro e que ten que ver coas súas profesións, oficios e contornos». Ten unha duración aproximada de dous minutos e e corenta segundos e a banda sonora apórtaa o grupo Dorian coa canción ‘Desorden’, un tema que expresa, segundo indicou Moreno, «toda a ilusión que temos neste proxecto».

No vídeo aparecen non só candidatos da lista como Yoya Blanco, Iván Puentes, Paloma Castro, Marcos Rey, Ada Otero, Yeyo Pérez Agulla, Rafael Cotelo, Ángel Mario Lago, Carmen Alfonso, Rita Doval, Christian Fernández ou Héctor Santaló, senón tamén a secretaria xeral do partido, Maica Larriba, e mesmo Roberto Taboada. Asemade, contouse coa colaboración de cidadáns invidentes, xordomudos e con síndrome de Down. Baixo o lema central «Por unha primavera socialista… Pontevedra é da xente», na peza atópanse as mensaxes «Polos nosos espazos naturais, polos nosos ríos»; «Polos nosos barrios, pola nosa xente»; «Pola defensa das comunidades de montes»; «Polas nosas parroquias, pola súa xente»; «Por unha Pontevedra saudable»; «Pola mobilidade de todas e todos»; «Polo comercio local, polo noso futuro»; «Polo rural, pola nosa xente»; «Polo dereito á Universidade, pola educación pública»; «Por un xénero diverso, pola igualdade»; «Polos nosos maiores, por unhas pensións dignas»; «Pola nosa xuventude, polo transporte público»; «Pola defensa da nosa ría», «Por unha mobilidade inclusiva»… «Fai que pase».

O video pode verse na seguinte dirección: https://vimeo.com/336988489

Os socialistas apostamos por un modelo urbano que chegue ós barrios. Un novo deseño de cidade con ‘supermazás’ que empezaremos na zona Este

Tino Fernández acompañado de membros da súa candidatura

Os socialistas de Pontevedra consideramos que o actual modelo urbano, consolidado nos últimos anos en Pontevedra en base á peonalización, está esgotado, unha vez que se peonalizou a práctica totalidade do casco histórico. É hora de apostar por un novo modelo que permita continuar o crecemento ordenado de Pontevedra e manter o seu nome como referente de mobilidade. A nosa aposta pasa pola creación de “Supermazás” nos barrios situados máis alá do anel central da cidade e da pasarela da rúa 12 de Novembro.

Os últimos estertores do modelo peonil no centro tan só terían sentido en rúas como Benito Corbal, e iso só en caso de que algún día se atopase unha solución para a entrada e saída ó aparcamento de Barcelos, e pode que nalgún outro pequeno vial localizado entre a pasarela do tren e a zona monumental. Por elo, xa é hora de dirixir os esforzos cara outras zonas da cidade con posibilidades e futuro que foron esquecidas ata o de agora. Barrios que vimos visitando ó longo desta lexislatura e especialmente estes días, para presentar a nosa candidatura e as nosas propostas, tales como a zona Este da cidade, onde queremos plasmar moitos dos nosos proxectos.

A única maneira de levar ós barrios o modelo de cidade amable e sostible e de xerar «espazos de ocio seguros» no seno dos mesmos pasa polo deseño de “supermazás”, ó estilo dos proxectos urbanísticos levados a cabo en Vitoria (referente deste modelo) e Barcelona. Modelos que Madrid e New York están tamén comezando a aplicar.

A idea xurdiu, como tantas outras, das moitas reunións que se levaron a cabo con tódalas asociacións e movementos veciñais de Pontevedra, pois esa é a tarefa de calquera partido que pretenda administrar a súa cidade, a de escoitar ós seus veciños e veciñas e estudar as súas propostas. O noso proxecto é o da cidade, o da xente. Neste caso, colaborou moito o colectivo Pedaladas, que propuxo unha zona concreta para levar a cabo este proxecto: a comprendida entre as urbanizacións de Valdecorvos, O Castañal e o último tramo de Loureiro Crespo.

Como tivo ocasión de explicar xa publicamente o noso concelleiro, Iván Puentes, o proxecto consistiría en delimitar «un gran barrio» entre a pasarela do tren e a Avenida de Juan Carlos I, no que haxa algunhas vías secundarias que se peonalicen e outras de plataforma única, nas que o resto do espazo teña un tráfico restrinxido a peóns, bicicletas e vehículos de residente. A creación desta primeira ‘supermanzá’ levaría aparellado o establecemento dunha gran praza pública na rúa Loureiro Crespo (cortaríase ó tráfico o tramo comprendido entre Mestre Soutullo e 12 de Novembro) e a construción dunha rotonda na Avenida de Lugo (fronte a gasolineira de Cepsa). O acceso a esta área de tránsito restrinxido ou “illa” faríase a través da rúa Ángel Amor Ruibal e a saída pola rúa Rodríguez Seoane. Porque Pontevedra é da xente, tamén da xente dos barrios.

Unha Pontevedra na que podamos movernos…e soñar

Tino Fernández acompañado de Gonzalo Caballero, cargos institucionais e membros da súa candidatura

Unha das medidas que levaremos a cabo os socialistas se contamos co apoio dos nosos veciños e veciñas, nas próximas eleccións municipais do 26 de maio, será a de impulsar unha revisión dos “lombos” instalados nas rúas de Pontevedra, poñendo en marcha dúas medidas para a racionalización do seu uso:

  • Promover que sexa posible chegar ós hospitais Montecelo e Provincial sen pasar por ningún destes sobresaltos.
  • Modificar aqueles que non resistan unha homologación normativa no relativo ás súas medidas. 

Nesa liña, apostamos por poñer en marcha un Plan de Vías Sanitarias, libres de “lombos” e tamén de bolardos, co obxectivo de asegurar o percorrido das ambulancias e dos servizos de emerxencia ata os centros sanitarios, evitando o sufrimento dos pacientes que deben ser trasladados e mellorando os tempos de chegada, especialmente naqueles casos nos que a presa é fundamental para garantir a vida da xente.

Os socialistas estamos a favor dos ‘lombos’ e sabemos da importancia da necesidade de regular a velocidade do tráfico, pero, igualmente, consideramos que non se poden seguir instalando como ata o de agora, xa que é preciso tamén atender ós colectivos e usuarios que se ven afectados pola incomodidade dos mesmos, ou cuxa saúde pode correr riscos.

Ademais de promover as vías sanitarias para ambulancias, tamén consideramos que é necesario ter en conta as peculiaridades de vehículos de servizo de transporte para persoas con discapacidade funcional severa ou persoas con discapacidade visual, que se atopan con que hai zonas do casco urbano que parecen una xincana e ‘lombos’ que dan para facer escalada.

Para garantir que tamén nesas vías sanitarias se respecte a velocidade idónea para a circulación polo centro da cidade, a proposta do PSOE é impulsar outros elementos redutores de velocidade máis idóneos.

Ivan Puentes e Hector Santaló, candidatos socialistas

O programa de los socialistas, que estamos a repartir estes días por Pontevedra, tamén contempla un Plan de Optimización e Reestruturación das Áreas de Servizos e das Zonas de Carga e Descarga, que estará baseado nun exhaustivo estudio das horas nas que se produce unha maior e unha menor utilización das mesmas. Modificaremos os horarios de carga e descarga para que se adecúen ás necesidades reais do servizo e se poida así compaxinar as necesidades de comerciantes e transportistas co modelo peonil de cidade. O tempo que estudaremos a posibilidade de establecer diferentes tempos de estacionamento nas zonas de servizos, actualmente fixados en toda a cidade para un máximo de permanencia de 15 minutos.

O modelo de reforma urbana foi, en xeral, beneficioso, pero hai problemas de mobilidade debido a que cando se deseñou, non se tiveron en conta a colectivos de persoas con mobilidade reducida, maiores ou persoas con discapacidade sensorial nin se escoitou a colectivos como Pedaladas. Porque Pontevedra é da xente, dos que camiñan e dos que conducen, incluso dos que voan soñando un futuro mellor.

Pontevedra precisa un Plan contra Incendios

Dende a Agrupación Municipal do PSOE en Pontevedra pretendemos elaborar un Plan contra Incendios que inclúa un protocolo de emerxencias e a creación de vías de escape nos montes, imitando o exemplo de Vigo e establecendo unha colaboración máis directa, tanto a nivel técnico como económico, coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra, como ha sinalado Marcos Rey, presidente dos comuneiros de Verducido e número cinco da nosa candidatura municipal. É preciso que o Concello se implique moito máis neste eido e recoñeza a enorme labor social dos montes periurbanos do municipio.

Os plans de ordenación dos montes en man común deben contar coa axuda da Administración local, mesmo cunha asesoría dos servizos técnicos municipais. No vindeiro mandato, o PSOE vai contribuír economicamente á actividade da Mancomunidade de Montes, tal e como sucede xa en Vigo. Ademais, é preciso que se axilicen as tramitacións das subvencións autonómicas, xa que é inasumible que unhas axudas para a xestión e a roza do monte cheguen en pleno verano.

Os socialistas entendemos que é unha necesidade de primeiro orde deseñar unha acción planificada que preveña catástrofes como a acontecida nos nosos montes en 2007. Entre as medidas previstas inclúense a obriga de manter a distancia de seguridade de 50 metros en relación ás vivendas que establece a lexislación; a plantación de máis especies autóctonas (bosques de frondosas como as carballeiras por exemplo) e a xeración de cortafogos vexetais. Consideramos imprescindible desenvolver un Plan de Prevención e Autoprotección contra os Incendios Forestais bastante máis amplo e integral do que os nacionalistas lles presentaron ós comuneiros. O plan que eles fixeron adoece de bastantes elementos. Unha cousa é contar cunha franxa de seguridade e outra moi distinta cun Plan de Prevención como o que nós queremos facer, que implicaría ter os puntos de auga sinalizados, un protocolo de emerxencias, a creación de zonas que permiten escapar do fogo, etc. Para a elaboración deste Plan contaremos, ademais, co asesoramento de colectivos como a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga), impulsando tamén un proxecto semellante ó levado a cabo no seu día a través do plan Monte Vivo, coa finalidade de acadar un modelo de xestión autosostible.

Pontevedra-Este, un barrio con futuro

Tino Fernández e membros da candidatura en Pontevedra-Este

Dende fai catro anos os socialistas vimos percorrendo tódolos barrios e parroquias, falando coas asociacións, cos veciños, e coas asociacións veciñais, o que nos permitiu presentar numerosas propostas no concello; moitas das cales saíron adiante, atendendo as necesidades dos cidadáns. Froito destas visitas, ademais das grandes liñas de actuación presentadas no noso programa, temos tamén propostas concretas para cada barrio e parroquia. Pontevedra non é só o seu casco vello, e moitas zonas da nosa cidade atópanse abandonadas e pouco atendidas polo actual goberno municipal, como é o caso de Pontevedra-Este. Un barrio cheo de xente moza, vivo, que precisa un impulso e para o cal a candidatura do PSdeG-PSOE ten, entre outras, as seguintes propostas a levar a cabo:

  • Mellora da limpeza viaria.
  • Mellora e humanización de viais (Conde Bugallal; Camposanto; Pintor Laxeiro; Porta Grande; As Pereiras…).
  • Parque biosaudable no entorno da rúa Pintor Laxeiro.
  • Ampliación da rede de Parques infantís e mellora do mantemento dos actuais.
  • Solucións para os problemas da Praza Fermín Bouza Brey.
  • Mellora da sinalización horizontal e vertical.
  • Posta en valor da Finda do Conde.
  • Camiño escolar ó CEIP Vilaverde.
  • Mellora da iluminación. Ampliación a todo o barrio da iluminación das festas.
  • Campañas periódicas de desratización.
  • Ampliación e remodelación das zonas de aparcamento.
  • Maior presenza policial.
  • Execución de zona de lecer sobre a Pasarela da rúa 12 de novembro.
  • Desenvolvemento do proxecto do futuro centro lúdico-deportivo da Parda.

Melloras encamiñadas a xerar un novo modelo de cidade, na que ningún veciño se poida sentir desprazado e os barrios recuperen a súa vida e se dinamicen. Porque se de algo sabemos os socialistas, como exemplifican moitas cidades gobernadas polo PSOE, é de xestión municipal. Porque Pontevedra é da xente, da xente de Pontevedra-Este, un barrio con moito futuro, que debe ser un foco de crecemento e un exemplo da cidade que queremos. Porque xa é hora dun goberno socialista en Pontevedra. Faino posible.

Pontevedra é da xente que ama a natureza

Tino Fernández con membros da candidatura do PSOE

Este ano o informe da Plataforma Intergubernamental sobre a Biodiversidade e os Servizos Ecosistémicos, alertou sobre a posible desaparición dun millón de especies animais e vexetais nas próximas décadas se non se toman medidas. Por elo, para os socialistas a defensa da natureza e dos seres vivos é unha responsabilidade de primeira magnitude, na que debemos traballar cada un dende o seu ámbito e as súas posibilidades. E máis, se cabe, cando se trata de animais cos que compartimos non só o noso espazo, senón tamén, as nosas vidas. Por iso, dende o PSOE de Pontevedra propoñemos no noso programa electoral a creación dun refuxio animal municipal con espacios diferenciados para a acollida de perros, gatos e outras especies.

Este proxecto, que vimos defendendo dende o 2009, adaptado a lexislación actual en materia de medio ambiente e sostenibilidade, instalaríase nos terreos do antigo vertedoiro de O Rapadiño (Cerponzóns), ocupando unha superficie duns 1.672 metros cuadrados. Trátase dunha medida coa que queremos garantir unha boa convivencia entre os humanos e os animais libres, semidependentes e en cautividade que habitan no termo municipal de Pontevedra.

Ademáis, outra das medidas urxentes que se recollen no programa socialista consiste na elaboración dunha ordenanza de proteción e coidado animal, que se complementaría con actuacións para adaptar e mellorar as condicións da cidade, como a creación de parques para perros na contorna do paseo fluvial do río dos Gafos e da rúa Camiño de Ferro, entre outras. 

Entre as nosas propostas tamén está crear un protocolo para que a Policía Local colabore na loita contra o abandono e sepa cómo actuar ante as diferentes situacións, deseñar campañas de fomento da adopción, instalar casetas e carteis informativos sobre as plagas e colonias de animais ou dotar de presuposto e materiais ás asociacións animalistas.

É necesario incrementar as actuaciones dirixidas a sensibilizar ós propietarios de animais domésticos sobre os seus deberes e responsabilidades, así como desenvolver campañas puntuais para evitar o abandono, sobre todo en zonas rurais.

A todo isto, sumaremos a redacción dunha declaración municipal para a convivencia e os dereitos dos animais e a promoción da labor que realizan os servizos de acollida, co obxectivo de conseguir unha mayor implicación da cidadanía a través do voluntariado. Porque Pontevedra é da xente, da xente que ama a natureza.

Apostamos por unha Pontevedra capital da cultura

Entre os grandes proxectos culturais dos socialistas para Pontevedra, destacamos o de impulsar a construción dun anfiteatro ó aire libre para acoller concertos de música e representacións teatrais. O novo auditorio, ó estilo do que existe en Castrelos (Vigo), contaría con emplazamentos idóneos nos terreos da urbanización de Valdecorvos ou no parque do Mirador de Monte Porreiro.

No caso do Mirador, o entorno é una ventaxa excepcional, xa que as gradas do anfiteatro poderían mirar cara á ría e a paisaxe sería un verdadeiro espectáculo. Pola súa parte, en Valdecorvos existen parcelas cunha pendente suave, e polo tanto, con boas condicións para unha infraestrutura deste tipo. Ademáis, este auditorio faría posible a diversificación da carta de eventos culturais que oferta a cidade, xa que nestes momentos carecemos dun espacio destas características, ó aire libre, para disfrutar de espectáculos como un concerto de música clásica, unha ópera, un musical, un ballet ou una obra dramatúrxica con repartos ou montaxes de certas dimensións.

O futuro anfiteatro permitirá ademáis incrementar o atractivo dalgunhas das citas máis relevantes do calendario festivo e cultural de Pontevedra, ó acoller nunha localización absolutamente privilexiada, concertos, actuacións e espectáculos vinculados á Feira Franca, ás Festas da Peregrina ou ó Festival Internacional de Jazz.

Outra posta en valor que contemplamos no noso programa para a cultura da nosa cidade é o uso da Plaza de Toros de Pontevedra, como o gran anfiteatro que é, para a celebración de actividades de carácter cultural, dándolle un impulso o convenio de colaboración existente e que, actualmente, está totalmente infrautilizado.

Por outra parte, estaría a creación e impulso dun Festival de Teatro, que levaría o nome do genial dramaturgo, poeta e novelista, Ramón María del Valle-Inclán, e co que se potenciarían as representacións na rúa e o talento local. O evento, promoverá a irmandade e o intercambio cultural cos festivais internacionais que se celebran noutras cidades europeas, como a urbe escocesa de Edimburgo.

O noso programa para as eleccións muncipais do próximo 26 de maio tamén quere impulsar as potencialidades de Pontevedra como cidade cinematográfica, a través dunha extensa actividade fílmica organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, o Cineclub, as produtoras, os artistas e outros axentes culturais. Baixo o epígrafe ‘Unha Pontevedra de Película’, e co obxectivo de proxectar a nosa imaxe turística, celebraranse talleres, cursos, congresos e incluso un ‘Festival de Documentais, que permitirán a promoción das producións audiovisuais que teñan Pontevedra e a súa comarca como espazo de rodaxe e creación.

Unha Pontevedra xusta que redistribúa a súa riqueza

Tino Fernández con membros da candidatura socialista

A Pontevedra da xente debe ser unha Pontevedra xusta, na que as obrigas tributarias non empeoren a situación das persoas e das unidades familiares que atravesan por dificultades económicas ou carezan dos suficientes recursos. Por elo, os socialistas levaremos a cabo unha redución de ate o 100% na cota tributaria das taxas de auga, lixo e sumidoiros para os pontevedreses que non acaden determinados niveis de renda.

Esta proposta é un dos puntos esenciais do noso programa económico, xa que estas tres taxas esíxense pola prestación de servizos ós que os contribuíntes non poden renunciar, ben porque se trata de servizos de recepción obrigatoria, como a recollida de lixo ou a xestión da rede de sumidoiros, ou ben porque teñen un carácter esencial, como é o caso do abastecemento de auga. Por este motivo o máis xusto e lóxico é que existan tamén certos beneficios fiscais baseados na capacidade económica dos contribuíntes. A redución nas taxas será dun 100% cando os que teñan o seu domicilio habitual nese inmoble teñan rendas demasiado baixas para afrontar este tipo de gastos. Existen familias que están nunha situación económica moi complicada e a Administración municipal ten o deber moral de non afogalas con impostos e taxas.

Por outra banda, promoveremos a rebaixará de até un 90% da cota tributaria do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para as vivendas situadas en asentamentos que carezan dun axeitado nivel de servizos públicos. Con elo, fomentaremos a fixación de poboación no rural pontevedrés e equilibraremos unha situación fiscal que resulta moi inxusta, mentres non se acometan as actuacións precisas para dotar estas áreas das axeitadas infraestruturas e canalizacións.

Os principais beneficiarios desta proposta serán os propietarios de bens inmobles de natureza urbana localizados en zonas do concello que, conforme ó establecido na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (artigo 13 da LOUPMR) e ó planeamento urbanístico municipal vixente, se correspondan con asentamentos de poboación singularizados polo seu vencellamento ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeira ou forestal. Aquelas vivendas que teñan estas características e que dispoñan dun insuficiente nivel de servizos básicos de titularidade municipal (auga, rede de saneamento, alumeado público) gozarán dunha bonificación no pago do IBI.

As bonificacións serán dun 90% naqueles casos nos que exista unha carencia dos tres servizos básicos, dun 60% para as vivendas que non teñan dous dos mesmos e dun 30% no suposto de que só carezan dun servizo. Porque Pontevedra é da xente, de toda a xente.