
Os socialistas de Pontevedra consideramos que o actual modelo urbano, consolidado nos últimos anos en Pontevedra en base á peonalización, está esgotado, unha vez que se peonalizou a práctica totalidade do casco histórico. É hora de apostar por un novo modelo que permita continuar o crecemento ordenado de Pontevedra e manter o seu nome como referente de mobilidade. A nosa aposta pasa pola creación de “Supermazás” nos barrios situados máis alá do anel central da cidade e da pasarela da rúa 12 de Novembro.
Os últimos estertores do modelo peonil no centro tan só terían sentido en rúas como Benito Corbal, e iso só en caso de que algún día se atopase unha solución para a entrada e saída ó aparcamento de Barcelos, e pode que nalgún outro pequeno vial localizado entre a pasarela do tren e a zona monumental. Por elo, xa é hora de dirixir os esforzos cara outras zonas da cidade con posibilidades e futuro que foron esquecidas ata o de agora. Barrios que vimos visitando ó longo desta lexislatura e especialmente estes días, para presentar a nosa candidatura e as nosas propostas, tales como a zona Este da cidade, onde queremos plasmar moitos dos nosos proxectos.
A única maneira de levar ós barrios o modelo de cidade amable e sostible e de xerar «espazos de ocio seguros» no seno dos mesmos pasa polo deseño de “supermazás”, ó estilo dos proxectos urbanísticos levados a cabo en Vitoria (referente deste modelo) e Barcelona. Modelos que Madrid e New York están tamén comezando a aplicar.
A idea xurdiu, como tantas outras, das moitas reunións que se levaron a cabo con tódalas asociacións e movementos veciñais de Pontevedra, pois esa é a tarefa de calquera partido que pretenda administrar a súa cidade, a de escoitar ós seus veciños e veciñas e estudar as súas propostas. O noso proxecto é o da cidade, o da xente. Neste caso, colaborou moito o colectivo Pedaladas, que propuxo unha zona concreta para levar a cabo este proxecto: a comprendida entre as urbanizacións de Valdecorvos, O Castañal e o último tramo de Loureiro Crespo.

Como tivo ocasión de explicar xa publicamente o noso concelleiro, Iván Puentes, o proxecto consistiría en delimitar «un gran barrio» entre a pasarela do tren e a Avenida de Juan Carlos I, no que haxa algunhas vías secundarias que se peonalicen e outras de plataforma única, nas que o resto do espazo teña un tráfico restrinxido a peóns, bicicletas e vehículos de residente. A creación desta primeira ‘supermanzá’ levaría aparellado o establecemento dunha gran praza pública na rúa Loureiro Crespo (cortaríase ó tráfico o tramo comprendido entre Mestre Soutullo e 12 de Novembro) e a construción dunha rotonda na Avenida de Lugo (fronte a gasolineira de Cepsa). O acceso a esta área de tránsito restrinxido ou “illa” faríase a través da rúa Ángel Amor Ruibal e a saída pola rúa Rodríguez Seoane. Porque Pontevedra é da xente, tamén da xente dos barrios.